O fallo está na parte de Linux que acepta conexións novas, antes de que o programa que hai detrás vexa nada. Non fai falta contrasinal nin que ninguén prema en nada: abonda con que o servidor teña algo aberto a internet, como unha web, o correo ou un acceso remoto.
Atopouno un investigador de Anthropic, a empresa da IA Claude, e o arranxo entrou en Linux a principios de outubro. O 27 de outubro Anthropic contou que un modelo seu, aínda sen publicar, escribira un ataque que daba o control total dun servidor en menos dunha hora. Non publicou ese ataque e ninguén o puido reproducir pola súa conta, así que o tomo como o que é: un aviso.
O que cambia
Ata agora, entre que se coñecía un fallo e aparecía un ataque que funcionase adoitaban pasar semanas. Se unha IA o fai nunha hora, o que conta é o que tarda o teu servidor en ter o parche posto.
E eses prazos non dependen de ti, senón de quen fai o teu Linux. Co mesmo arranxo publicado, Oracle sacou o seu parche ao día seguinte do aviso e Debian en menos dunha semana. Red Hat tardou 17 días: primeiro cualificouno como moderado e subiuno a crítico despois do anuncio de Anthropic.
Ubuntu, do máis usado en servidores, corrixiu primeiro a súa versión de soporte curto. O 3 de novembro, aos 19 días, as versións de longo prazo, que son as que levan case todos os servidores, seguían en probas. E nos NAS e routers, que tamén levan Linux, non atopei aviso nin de Synology nin de QNAP.
Ese mesmo 3 de novembro revisei os servidores que levamos. Un xa estaba corrixido, porque a súa distribución sacara o parche aos poucos días. Os outros usan Ubuntu e seguen agardando o seu, así que mentres tanto bloqueamos o tipo de conexión que usa este fallo e apagamos a función pola que entra o ataque. En canto saia o parche, instálase e reinícianse.
Tres preguntas para quen che leva o servidor
- Que temos con Linux? A web, o servidor da oficina, o NAS das copias, o router ou a centralita.
- Cando se instalou o último parche do núcleo, e reiniciouse despois? Sen reiniciar, o parche non serve.
- Que está aberto a internet que non faga falta? O que non está aberto non se pode atacar desde fóra.
Se a resposta á segunda é «non sei», xa tes a resposta.
Fontes e máis información
- Ubuntu: estado de CVE-2026-98432 (en inglés)
- Debian: seguimento de CVE-2026-98432 (en inglés)
- Red Hat: ficha de CVE-2026-98432 (en inglés)
- Cloud Security Alliance: cronoloxía e parches por fabricante (en inglés)
- CSO Online: o anuncio de Anthropic e o que non se puido comprobar (en inglés)
INCIBE atende de balde consultas de ciberseguridade no 017.
