Os sustos máis habituais nunha empresa, cos primeiros pasos en orde. Se dubida, desconecte o equipo da rede e chámenos ao 986 165 833.
Se lle roubaron a conta de correo
Os seus contactos reciben correos que vostede non enviou, non pode entrar ou ve regras e respostas que non puxo.
- Dende outro equipo de confianza, cambie o contrasinal e peche as sesións abertas.
- Active o dobre factor, se non o tiña.
- Revise as regras de reenvío e as respostas automáticas: é o primeiro que deixa quen entra, para seguir lendo o seu correo.
- Avise os seus contactos de que non lles fagan caso aos últimos correos, sobre todo se piden un pagamento ou cambian unha conta bancaria.
- Chámenos: miramos dende onde entraron e que máis pode estar exposto.
Se nese correo había datos persoais de clientes ou empregados, pode ser unha violación de seguridade que hai que comunicar á Axencia Española de Protección de Datos en 72 horas. Axudámoslle a valoralo.
Se un provedor lle pide pagar noutra conta
Chega un correo, ás veces dun provedor de sempre, cunha factura ou un aviso: «cambiamos de banco».
- Non pague nin responda a ese correo.
- Chame ao provedor a un teléfono que xa tivese, non ao que veña no correo.
- Se xa pagou, chame ao seu banco agora mesmo: ás veces pódese deter a transferencia.
- Denúncieo na Policía ou na Garda Civil.
- Chámenos: revisamos se o engano saíu dunha conta roubada, súa ou do provedor.
Unha regra sinxela evita case todos: ningún cambio de conta bancaria sen confirmalo por teléfono. Máis en Seguridade do correo.
Se aparece unha mensaxe de rescate ou os ficheiros non se abren
Os documentos teñen unha extensión estraña, non se abren ou hai un aviso que pide un pagamento para recuperalos.
- Desconecte o equipo da rede: o cable e a wifi.
- Non o apague nin o reinicie: pódense perder pistas e, ás veces, a forma de recuperar os datos.
- Non conecte discos externos nin memorias USB a ese equipo.
- Non pague nin lles conteste aos atacantes: pagar non garante recuperar nada.
- Chámenos de inmediato: vemos que está afectado e, se hai copias, recuperamos dende elas.
Convén denuncialo na Policía ou na Garda Civil e, se hai datos persoais afectados, comunicalo á Axencia Española de Protección de Datos en 72 horas.
Se cae internet
Non cargan as páxinas, non chega o correo ou os programas na nube non responden.
- Comprobe se falla en todos os equipos ou só nun, por cable e por wifi.
- Mire as luces do router do operador: se algunha está en vermello ou apagada, o corte adoita ser da liña.
- Reinícieo unha soa vez e agarde uns minutos.
- Se segue sen conexión, chame ao seu operador e anote o número de incidencia.
- Chámenos: se a avaría está na súa rede ou no firewall, mirámola nós.
Se a súa empresa non pode parar, cunha segunda conexión de respaldo o firewall pasa a ela cando a principal cae.
Se alguén deixa a empresa e segue tendo accesos
Unha persoa marcha e coñece contrasinais, ten o correo no móbil ou entra dende a casa.
- Desactive a súa conta o mesmo día (correo, Microsoft 365, programas de xestión), sen borrala: o correo e os ficheiros son da empresa.
- Cambie os contrasinais compartidos que coñecía: wifi, banca, provedores, redes sociais.
- Retírelle os accesos a distancia: VPN, escritorio remoto e aplicacións no seu móbil.
- Recupere o portátil e o móbil da empresa.
- Pase o seu correo a un compañeiro para non perder mensaxes de clientes.
O mellor é avisarnos antes da saída: deixámolo preparado para ese día, sen portas abertas.
Se perde ou lle rouban un portátil ou un móbil
Desapareceu un equipo da empresa co correo e os documentos dentro.
- Dende outro equipo, cambie o contrasinal da súa conta e peche as sesións abertas.
- Chámenos canto antes: se o equipo está xestionado, pódese bloquear ou borrar a distancia.
- Se llo roubaron, denúncieo: pediralo o seguro e, ás veces, o operador.
Se tiña datos persoais de clientes ou empregados sen cifrar, pode ser unha violación de seguridade que hai que comunicar á Axencia Española de Protección de Datos en 72 horas.
Se premeu nunha ligazón ou abriu un anexo sospeitoso
Un correo, un SMS ou un WhatsApp levou a unha páxina que lle pedía o contrasinal, ou descargouse un ficheiro.
- Se escribiu o seu contrasinal, cámbieo xa dende outro equipo e active o dobre factor.
- Se abriu ou descargou un ficheiro, desconecte o equipo da rede e non o siga usando.
- Non borre a mensaxe: serve para ver de onde viña.
- Chámenos.
Avisar non é ningún problema; calalo, si: canto antes o saibamos, menos dano.
Para consultas de ciberseguridade, o INCIBE atende de balde no 017. E para que nos conectemos ao seu equipo, descargue o programa dende Soporte remoto.